O concello de Vimianzo anunciou a apertura dunha investigación sobre os actos vandálicos efectuados no Dolmen de Pedra Cuberta, na parroquia de Treos. O goberno local ordenou tamén un estudo técnico para determinar “a afectación das pintadas neste ben patrimonial, así como o procedemento a iniciar para a súa eliminación”.
Segundo informan desde o concello “o pasado domingo 4 de abril apareceron no dolmen de Pedra Cuberta uns motivos realizados en xiz e que simulan un gato xunto a unha persoa”. A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez declarou ao respecto:”Se investigará o acontecido para tratar de dar solución a este problema, que desde aquí condenamos rotundamente. É un insulto para o noso pobo e para toda Galicia”.
Fontes municipais lembran o gran número destas xoias arqueolóxicas coas que contan e o traballo “continuísta” para a súa preservación e conservación que se está levando a cabo.