Unha colisión entre un turismo e un tractor saldouse con dúas persoas feridas en Vimianzo// Info- AXEGA 112
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron hoxe a dúas persoas que resultaron feridas a causa dunha colisión entre un turismo e un tractor á altura do punto quilométrico 72 da AC-552, ao seu paso polo concello de Vimianzo.
Ao fío das 14:30 horas de hoxe, varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica urxente para dúas persoas que resultaron feridas de diversa consideración despois de producirse unha colisión entre un coche e un tractor na localidade de Vilaseco.
Decontado, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, debido á situación dos feridos, informou da mobilización do helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o lugar.
Para prestar apoio ao equipo médico, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Cee, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.Finalmente, as dúas persoas afectadas foron trasladadas en ambulancia ata o Hospital Virxe da Xunqueira.
Unha vez que os feridos foron evacuados, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, xunto co persoal do servizo de mantemento das estradas, encargáronse da limpeza e restablecemento das condicións de seguridade na vía.Desde o 112 tamén avisouse aos membros de Protección Civil da localidade por se fose necesaria a súa colaboración.