Esta semana queda constituída a “Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía”, integrada polos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra, que xa aprobaron a inclusión nos seus respectivos plenos.
O primeiro presidente da entidade é o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro. A vicepresidencia recae no concello de Negreira, a secretaría no de Cee sendo tesoureiro o representante do concello de Fisterra. Os vogais son os concellos de Corcubión, Ames e Santiago.
Desenvolvemento dos concellos do Camiño de Fisterra e Muxía
Desde a asociación destacan a oportunidade de ser partícipes nunha asociación deste tipo, xa que ofrece múltiples vantaxes a nivel económico (posibilidade de obter fondos da Deputación, Xunta, Goberno Central e Unión Europea), organizativo (Xa que vai ter unha organización propia dedicada exclusivamente ao desenvolvemento dos concellos do Camiño de Fisterra e Muxía) e social (posto que pode englobar, baixo a fórmula de membro amigo, outras entidades).
Outro dos temas tratados na xuntanza, por videoconferencia, foi o relaciondo co “peso económico que está gañando en cada un dos concellos polos que discorre o Camiño de Fisterra e Muxía” polo que consideran que “ é o momento de buscar novas fórmulas máis aló do aproveitamento individual”.