O concello de Carballo aprobou os orzamentos municipais para este 2021, cos votos a favor do BNG, a abstención de PP e PSOE e o voto en contra de Terra Galega. As contas alcanza os 26.159.000 euros.
Orzamento realista, social e adaptado á pandemia
Segundo indicou a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro(BNG) “estamos ante un orzamento realista, social e adaptado á situación de pandemia”.
Pola súa banda o alcalde, Evencio Ferrero, sinalou que “Por primeira vez orzamento non é unha foto final, porque a situación de pandemia posibilita a incorporación de remanentes, e nós ímolos incorporar igual que fixemos no 2020 con 3,5 millóns de euros en obras que se van executar este ano, pero, sobre todo, pendentes de como vaian evolucionando as axudas doutras Administracións a sectores económicos moi castigados pola crise. Agardamos a ver como se materializan esas axudas e, igual que fixemos no ano 2020 co bono Sempre Carballo, suplementaremos a partida que figura no orzamento para axudar á hostalaría, que neste momento é o sector máis castigado, e aos sectores que o precisen”.
“Falta de ideas e ineficacia na xestión do BNG”
Para o grupo maioritario da oposición “ os orzamentos municipais poñen de manifesto a falta de ideas e a ineficacia na xestión do BNG”.A portavoz do PP, Paula Nogueira, sinala que é “inxustificable que o BNG aplique as mesma pautas, os mesmos criterios e as mesmas liñas de actuación que si estivésemos na xa coñecida ‘vella normalidade’.
Os populares afirman que “o único que fan é sacarse fotos, anunciar proxectos –Casa Social dos Mestres- e levar a cabo unha constante maquillaxe que axude a disimular a súa falta de xestión”.
“Tampouco atopamos un euro para novas instalacións deportivas ou para mellorar a xa existentes, non hai partidas para mellorar os viarios de entrada e de saída do concello, nin para humanizar as rúas do municipio, nin para sacar adiante proxectos como o da avenida de Fisterra ou Vila de Negreira” lamenta Paula Nogueira.