Info- AXEGA 112- Foto- Bombeiros Costa da Morte
Esta mañá, pasados quince minutos das 08:00 horas, un particular pedía axuda ao 112 Galicia, indicaba que ardía unha casa no lugar de Piñeiros, en Cambeda, no concello de Vimianzo.
De inmediato, os xestores do 112 Galicia pasaron aviso aos Bombeiros de Cee e informaron dos feitos ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia- 061 que, por precaución, derivaron unha ambulancia ata o lugar. Así mesmo, foron informados os axentes da Garda Civil e os membros de Protección Civil que tamén acudiron ao punto de inmediato.
As tres persoas que residen na vivenda puideron saír coa axuda da intervención dos servizos de emerxencias, polo que, ningunha persoa precisou asistencia sanitaria. Ardeu por completo unha cociña con zona de lareira e o fume afectou ao resto da casa.Tras extinguir as lapas e ventilar a zona, os Bombeiros dan por rematada a súa intervención. Polo momento, descoñecen as causas que puideron orixinar o lume.