O alcalde de Santa Comba, David Barbeira, confirmou que a empresa Tin & Tungsten pretende extraer wolframio na Mina de Varilongo. Algo que desde o concello ven con bos ollos:”A día de hoxe é unha empresa máis en Santa Comba. Ogallá poidan traballar cumprindo coa normativa e que poidan xenerar postos de traballo”.
Entrevista con David Barbeira a partir do minuto 64
Explicou que a empresa mineira “está deixando unha facturación importante anual nos comercios de Santa Comba”, con preto de 200.000 euros anuais de gasto.
O alcalde negou que a empresa “estea facendo ningún tipo de bombeo” e matizou que houbo unha orde de paralizar uns traballos, xa que “a empresa entubou a auga para non desfacer unha pista. A intención era boa pero paralizamos as obras porque estaban sen permiso”.
Indicou que estanse a facer controis por parte da Xunta e que o compromiso do concello é o de “estar vixiantes e se non se cumpre coa legalidade obraremos en consecuencia, como con todas as empresas”.
Atribúe noticias falsas a Petón do Lobo
Barbeira lanzou críticas contra a asociación Petón do Lobo a que acusou de “estar falseando as noticias e sacando auténticas barbaridades” nos distintos medios de comunicación:”Non queren nada pero queren ter todas as comodidades e servizos”.
Nunha entrevista en Radio Xallas, Barbeira quixo aclarar que o cambio de data do último pleno foi xustificado polo acto de inauguración das melloras do campo de Fontenla. E que tamén informou aos demais grupos políticos:
“Non podemos mentir. O cambio de pleno comunicouse e planteouse nunha comisión informativa”. Desde o seu punto de vista a ausencia dos concelleiros do PSOE ”é unha falta de responsabilidade moi grande e unha falta de respecto ao pobo de Santa Comba”.
Comedor sobre Rodas
Entre outras cousas que se recollen nesta entrevista en Radio Xallas, o mandatario referiuse as actividades de Nadal, defendeu o investimento realizado no campo de fútbol, e anunciou a implantación, a partir do mes de xaneiro, do “Comedor sobre rodas” tamén durante a fin de semana.
Tamén anunciou un «esforzo» importante nos servizos sociais e poder atender a todas as persoas con deterioro cognitivo. E lembrou que se reforzou xa o servizo de limpeza. Tamén informou da apertura inminente do ximnasio municipal e de que se remotarán as feiras tradicionais, seguindo as indicacións oportunas.
Barbeira tamén proporá un endurecemento da ordenanza que regula a actividade da extracción da madeira e criticou o comportamento dalgunhas empresas que afectan a rede viaria local.