“BerXallas, Minaría Destrutiva Non” é o nome dunha nova plataforma veciñal nada en Santa Comba e que inclúe a veciños de varias parroquias xalleiras pero tamén da comarca de Bergantiños.
A problemática creada coas sondaxes mineiras denunciadas en Castriz e a posible reactivación da Mina de Varilongo son o xérmolo desta nova entidade que se deu a coñecer no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas.
Escoita a entrevista con Xosé Abelenda (Desde minuto 33)
“Estamos sorprendidos e preocupados, porque os sondeos xa se fixeron tanto na Braña da Serra como en Varilongo pero non sabemos nada” asegura o portavoz da entidade, Xosé Abelenda, que criticou a “falta de transparencia, de información e a pouca ética” da empresa. Por que aínda que hai varios nomes sobre o papel “as empresas teñen a mesma matriz”.
Abelenda lamenta que detrás destes proxectos haxa “interes opacos” para a búsqueda de materias primas:”Non lle vemos ningún tipo de beneficio, mais ben só problemas”.
Xosé Abelenda, portavoz da plataforma
“BerXallas, Minaría Destrutiva Non” empeza a súa andaina pedindo explicacións ás administracións:”O concello de Santa Comba e a Xunta de Galicia teñen que posicionarse e se estas empresas non teñen os permisos suficientemente claros deben de paralizar todo”.Pídenlle ao goberno local que “mire o que pase e se poña de lado dos veciños”.
A plataforma está en contacto con entidades como a asociación ambiental Petón do Lobo, que denunciou estes proxectos mineiros de Santa Comba, e prepara distintas accións para intentar frear algo “que non é boa cousa”.