Os dous ocupantes do vehículo, un home e unha muller, foron trasladados polos servizos sanitarios de urxencia ao centro hospitalario de referencia.
Ás 15:30 horas desta tarde, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia do accidente. Indicaba que un coche que circulaba pola estrada que une Cee e Muxía, saírase da vía no lugar de Vilarmide, en Coucieiro, e batera contra unha parede. Aseguraba que un dos ocupantes, a señora, puidera saír do vehículo polos seus propios medios, pero ao home impedíallo unha pedra.
Por iso, os xestores do 112 Galicia ademais de pasar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, informaron decontado aos Bombeiros de Cee, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil da localidade.
Finalmente, os Bombeiros cando chegaron ao punto sinalaron que non foi preciso o uso de material de excarceración. As mesmas persoas que se atopaban no lugar dos feitos axudaron a saír do vehículo ao ferido. Segundo indicaron, estaba consciente e, unicamente, prestáronlle os primeiros auxilios mentres agardaban a chegada da ambulancia.
Info-AXEGA 112 – FOTO AVPC Muxía