Este mes de outubro no concello de Coristanco formalizáronse contratos por máis de 650.000 euros. Algo que valora o alcalde:”Preocupábanos perder axudas por non licitar.E fixemos un esforzo importante en sacar esas obras dos anos 2014 ou 2015”.
Polo tanto segundo Juan Carlos García “o nivel de licitación vai nunha boa velocidade”.Na actualidade, están traballando nas autorizacións sectoriais para poder impulsar nove expedientes de proxectos relacionados co saneamento.
Entrevista ao alcalde de Coristanco en Radio Xallas- Desde minuto63-
O mandatario agarda que en seis meses poida quedar normalizada a licitación de obras e pensa que “imos na boa dirección”.Recoñeceu “o mérito dos funcionarios do concello” nesta tarefa.
García Pose tamén se referiu ao complexo arqueolóxico do “Chan das Embarradas” que ten “un enorme potencial” e polo que o concello vai a apostar, cun proxecto para a súa posta en valor que xa está en trámite de licitación.Pretende promover unha prospección arqueolóxica, a delimitación da zona e a divulgación de todo este patrimonio. E expresou o seu apoio á proposta do BNG para solicitar a declaración BIC.
Salto tremendo coas licencias urbanísticas
Outro dos aspectos que parecen avanzar é o das licencias urbanísticas:”Resolvemos cousas pendentes de hai anos. Foi un salto tremendo”. O alcalde indicou que a concesión de licencias “está ao día” e agora o que se quere é “deixar resolta a praza do técnico municipal”.
O goberno local tamén agarda poder contar alomenos nunha primeira fase duns 50.000 metros cadrados de solo industrial. O estudio de viabilidade está presentado na Xunta e agora depende do goberno autonómico. Juan Carlos García Pose precisou que “non teño porque poñer en cuestión a palabra do Presidente da Xunta”, que nunha visita a Coristanco comprometeuse neste sentido.