O portavoz do BNG no concello de Coristanco, José Antonio Andrade, defenderá no pleno deste xoves unha moción na que se propón solicitar á Xunta de Galicia a declaración de Ben de Interese Cultural para o complexo arqueolóxico do Chan das Embarradas, situado na parroquia de Ferreira.
“Hai catalogadas 6 ou 7 mámoas pero apareceron máis” sinalou Andrade, que tamén se referiu ao Dolmen da Pedra Embarrada que ten unhas “características moi singulares, non hai ningún outro no concello de Coristanco”.
Entrevista a José A. Andrade (Desde minuto 61)
O concelleiro nacionalista precisou que “a declaración de BIC daríanos a posibilidade de protexelo xa de inmediato”, advertindo de que corre “risco” se non se controlan as actividades forestais e de maquinaria e “pode botarse a perder”.
Considera que tanto este complexo arqueolóxico como os ditintos recursos que hai na contorna (un curro de gando, un castro, cabazos, …) conformarían un roteiro estupendo sendo de grande “interese turístico”.
Interese por parte do concello de Coristanco
José Antonio Andrade destaca que “hai consenso” entre os grupos municipais, e existe boa disposición no goberno que preside Juan Carlos García Pose que se interesou pola cuestión e pediu un informe a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Onde tamén houbo consenso foi na oposición para presentar unha relación de obras co obxectivo de que sexan incluidas nos programas financiados pola Deputación. O BNG tamén presentou unha moción demandando melloras na atención primaria sanitaria.
Outro dos asuntos que tratou Andrade nunha entrevista, foi a intención do goberno local de retirar da contabilidade municipal facturas por máis de 370.000 euros, de anteriores lexislatura, que por distintos motivos non foron ingresadas e en moitos casos xa están prescritas.