Declaracións de Manuel Camiño “Na Encrucillada”- Desde o minuto 30-
“O importante é que a continuidade do servizo está garantizada”. Son palabras do alcalde de Corcubión, Manuel Insua, recollidas por El Correo Gallego, en relación ao futuro do centro que o Instituto Social da Mariña ten na Vila de San Marcos.
Unha mensaxe lanzada ós medios de comunicación despois dun encontro entre a Subdelegada do Goberno, Pilar López Rioboo, a directora provincial do ISM, Margarita Pérez e os alcaldes da Costa da Morte. A propia alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, indicou desde as redes sociais que “O servizo de recoñecemento médico do ISM de Corcubión non se pecha, nin se privatiza”.
Agárdase poder cubrir a ausencia de médico nos vindeiros meses e non se descartan cambios para adaptar o servizo á demanda.
A CIG estudia mobilizacións ante o descontento do sector
Todo isto despois dun encontro que mantiveron dirixentes da Confederación Intersindical Galega coa directora do ISM, que segundo os sindicalistas non se garantiu o servizo.
Así o declaraba este venres no programa radiofónico “Na Encrucillada”, Manuel Camiño, que asegura que no encontro “a directora do ISM nos transmite o posible peche do ISM de Corcubión” e tamén da existencia de “presións por parte do sector empresarial para que se privatice o servizo”.
Camiño dixo non entender “o servilismo dos alcaldes socialistas da Costa da Morte” e lamentan que os mandatarios “non esixiran o mantemento” deste centro de saúde marítima sendo “demasiado conformistas”.
Para a CIG “a posible reestruturación pasa polo peche”, lembrando que outro goberno socialista “apostou polo peche de Laxe e Muxía”. Polo tanto, están estudiando mobilizacións xa que “hai un descontento xeralizado no sector”.