IN MEMORIAM- MANUEL QUINTÁNS SUÁREZ
Manuel Quintáns Suárez finou este 20 de setembro. E desde Adiante Galicia queremos renderlle unha homenaxe.Profesor, tradutor, investigador e escritor, como dixo durante a gala Xalleiros, na que o concello de Santa Comba recoñeceu a súa traxectoria “Eu son un xalleiro máis, o que non é pouca cousa”.
Quintáns nunca esquecía a súa infancia en Freixeiro ou Alón onde “aprendeu a amar a súa terra”. Sentíase como un “mensaxeiro afortunado” por poder transmitir tantas historias recollidas na Terra do Xallas.
Manuel Quintáns Suárez foi autor duns 18 ensaios sobre a historia de Cee, O Pindo, os refráns, Roberto Vidal Bolaño ou diferentes temas. Tamén publicou unha novela, “Nerio. Repinique de silencios en vermello”, varias traducións e promoveu edicións de A. López Ferreiro, Vasco de Aponte ou Emilio González López.Coordinou a “Historia de Santa Comba” e colaborou en medios como “El Correo Gallego” e co Instituto Ramón Piñeiro.
Naceu en Vilarnovo(Freixeiro) en 1931, foi profesor e estaba licenciado en Filosofía e Letras.Desde aquí queremos expresar as nosas condolencias a familiares e amigos.