O 15 de agosto é o día grande das Festas Patronais da Laracha. En torno a esa data tradicionalmente organízanse eventos ludo-recreativos por parte da Comisión de Festas que neste ano non se levarán a cabo como medida de seguridade ante a situación sanitaria derivada da Covid-19.
O Concello da Laracha, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ofertará entre o venres 14 e o domingo 16 unha serie de iniciativas culturais dirixidas a todos os públicos para conmemorar estas sinaladas datas. Todos os eventos terán lugar na praza Olonne sur Mer (explanada fronte á biblioteca municipal da Laracha).
O venres iniciarase o programa ás 20:00 horas con Diversidarte. Festival das artes inclusivas a cargo da asociación sen ánimo de lucro Poten100mos, que centra a súa actividade no desenvolvemento persoal e a inclusión sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade física, psíquica e social. O espectáculo inclúe show, concerto musical e exhibición de danza tradicional venezolana.
A continuación, desde as 22:00 horas subirase ao escenario o polifacético artista galego Cándido Pazó, que nesta ocasión trae á Laracha o seu monólogo humorístico Botando a lingua a pastar.
O sábado día 15 a partir das 12:00 horas haberá un pasacalle a cargo da banda de gaitas da Agrupación Folclórica San Xiao do Trebo. Pola tarde teremos propostas para o público familiar. Ás 19:00 horas, o espectáculo de rúa Forzu2+aéreos a cargo de Circo Chosco e, a continuación, desde as 20:00 horas, un pasacalle con Os Bolechas.
O domingo pecharase a programación con outras dúas propostas. Ás 19:00 horas, espectáculo de rúa con A gran viaxe de Inventi Teatro. E, por último, ás 21:30 horas ofrecerase o espectáculo humorístico Improchou das Izquierdo Sisters.
Todos os eventos realizaranse cun estrito control do cumprimento das medidas de seguridade, polo que o público deberá gardar o distanciamento social, empregar máscaras e respectar os aforos máximos.