O presidente da fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quixo lembrar o importante pasado de navegación histórica da ría de Camariñas remontando o río do Porto e chegando aos malecóns de Ponte do Porto coa súa dorna a vela Rosiña esta fin de semana. Angueira pasou unha velada nesta localidade onde embarcaban os romeiros en ruta a festa da Barca de Muxía.
Foi así «unha homenaxe a Rosalía de Castro e a súa estadía en Muxía no 1853 e aos vellos camiños de peregrinación que chegaban de Bergantiños e Soneira a Ponte do Porto» indica Angueira que foi recibido polo tamén escritor e poeta Rafael Lema quen lle amosou fotos do arquivo da asociación PX que corroboran a importancia da vila como lugar de embarque de mercancías e viaxeiros no século pasado. E desde a Idade Media, co referente da súa ponte medieval a carón da que atracou o navegante de Dodro.
O filólogo, escritor e patrón da dorna, embarcación tradicional tamén usada nesta ría ou en Camelle, tras esta primeira experiencia pola canle porteña quere seguir promocionado as viaxes a vela remontando a ría de Camariñas, amosando a beleza do recorrido e a historia da ruta.
Recreou así aqueles versos de Rosalía de Castro, cando falaba das «lanchas tan ben portadas / con aparellos de festa» que chegaban cheas de xente á romaría da Barca de Muxía, e que foron retratadas na xunqueira de Ponte do Porto fai cento vinte anos polo estudio dos irmáns Lumiere. o navegante e poeta levou o mes pasado a súa dorna «Roxiña» ata a illa Lobeira de Corcubión. Fai tres anos remontaba con ela o Anllóns ata a casa de Pondal