Jorge Castelo Mourelle foi un dos gaiteiros que o pasado domingo amenizaron o día do Carme na parroquia de Montouto e evitaron que posiblemente hoxe estivéramos falando dunha desgraza.
Na sintonía de Radio Xallas contou o suceso do incendio detectado na contorna da capela de Bustelo:”Estabamos a tocar unha muiñeira e xa vimos o fume e empezou a loucura”.
Entrevista a Jorge Castelo a partir do minuto 56
O lume estaba moi preto da capela:”Ao principio pensamos que alguén estaba facendo churrasco, pero vimos un home correndo coma un poseso e fomos correndo botar unha man”.
Ese home era o fogueteiro, José Luis Calvo Antelo, que fixo un cortalumes natural, e achegou dos extintores de unha pá de goma. Así coa axuda dos gaiteiros, e do xornalista Carlos Vieito, puxéronse e pelexar contra esta ameaza, ata que chegaron os efectivos de Protección Civil de Santa Comba e extinguiron, coa axuda dunha motobomba, o incendio.
Indicios dun lume provocado
“Calquera persoa con dous dedos de frente actuaría nesa situación” declarou Jorge Castelo. Pero non todo o mundo ten esa vontade e aínda hai quen provoca estes sucesos. A este mozo non lle cabe dúbida de que este “acto de terrorismo” foi intencionado:”Había indicios de que alguén andivo por ai”.
Todo quedou nunha anécdota:”O fume que papamos non tiña xeito” comenta o gaiteiro, que aproveita para destacar o valor das nosas especies arbóreas:”O lume chegaba aos carballos deixaba de avanzar”.
Os gaiteiros da asociación Axio Mouro que non esquecerán esta xornada son: Verónica Calvo, Uxía Blanco, Ángel Mourelle, Luís Mourelle, Santiago Oreiro, Adrián Suárez, David Capelo, Samuel Castelo e Jorge Castelo.
O venres nos «Cantos de Taberna» e o domingo loitando contra o lume.