O responsable comarcal do BNG na Costa da Morte pensa que as claves do éxito nas eleccións foron “a honestidade, a coherencia e o traballo”, xunto co “liderado forte” de Ana Pontón e a “paz interna” que vive o BNG “desde o proceso de Amio”.
Serxio Domínguez no oculta “o sabor agridoce” porque non se poido evitar que Núñez Feijóo conseguira a maioría absoluta que “era o obxectivo primordial”.
Amosouse moi optimista de que “se facemos as cousas ben” o partido nacionalista é a alternativa ao Partido Popular:”No 2024 imos chegar máis fortalecidos”.
Na Costa da Morte (partido xudicial de Corcubión) o BNG foi a forza máis votada en Corcubión, a segunda en Cee, Fisterra, Zas e Carnota e a terceira en Dumbría, Muxia, Camariñas e Vimianzo.
Domínguez Louro reiterou o compromiso coa comarca e lembrou que “o BNG sempre está preocupándose polos problemas reais durante os catro anos e con numerosas iniciativas”.
Sobre a posibilidade de extrapolar os resultados sinalou que “as eleccións son sempre moi diferentes e móvense en parámetros diferentes”. De tódolos xeitos, manifestou que se o BNG “garda esa coherencia e ese ritmo de traballo nas localidades” os resultados positivos chegarán, e que os votos acadados son “votos posibles e potenciais que hai que traballar e que se poden acadar”.
Sobre o fracaso de Vox e Ciudadanos ten claro que “o PP ocupa o espazo de Vox e Ciudadanos na Costa da Morte e en Galicia”. En con respecto a Podemos, Anova e as Mareas, destacou que a imaxe que se transmitiu de inseguridade e problemas internos, foron prexudiciais.