A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, solicitou unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para tratar sobre a conexión da autovía da Costa da Morte co Polígono de Vimianzo.
Ethel Vázquez falou en Radio Xallas
Ethel Vázquez falaba onte no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas desde onde emprazaba á alcaldesa a sumarse a reclamación ao goberno do estado dunha conexión co parque empresarial. Estas son as declaracións da conselleira.
Pola súa banda, Rodríguez asegura que non dubidará en chamar a todas as portas posibles, pero neste hai que ter en conta que este proxecto está contemplado para que prime o interese xeral, por riba dos intereses políticos”.
Falta de claridade da Xunta
Isto non evita que a alcaldesa critique ao goberno galego:”O que non consideramos de recibo é a falta de claridade en materia de asunción de competencias, xa que un proxecto que depende da Xunta, debe ser executado en materia autonómica. Nós non temos ningún problema de plantexarlle esta problemática ás entidades competentes, pero neste caso, hai un informe técnico que o determina”.
Mónica Rodríguez confesou non querer buscar crispación entre administracións, senón un consenso, aínda que insiste que “no que respecta ao vial de conexión que se prevé para dar servizo ao parque empresarial de Vimianzo, pode afirmarse que é evidente a competencia autonómica, e no seu caso, local, para cuxa mellor proxección esixirá unha labor de coordinación e cooperación entre administracións titulares e , no seu caso, a través da planificación urbanística que recolle o previsto nos instrumentos de planificación contemplados na lexislación de estradas”.
Visita de Lage Tuñas
Esta xornada visitaba o concello de Vimianzo, o deputado delegado da área de Asistencia aos Concellos, José Manuel Lage Tuñas, para reunirse coa alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez, e os membros do seu equipo de goberno para coñecer as necesidades do municipio unha vez superada a crise sanitaria da Covid-19.
Lage Tuñas cifrou en preto de medio millón de euros os investimentos aprobados pola Deputación no municipio durante o estado de alarma, que van destinados prioritariamente a «fomentar o emprego, apoiar os servizos sociais e impulsar a recuperación económica», segundo explicou o deputado.