A Deputación da Coruña iniciou as obras de acondicionamento e mellora da travesía da Ponte do Porto, no concello de Camariñas.
Os traballos teñen un orzamento de 400.446 euros e sufriron algúns atrasos, motivados, primeiro por erros procedemento administrativo e logo pola expansión da COVID-19.A alcaldesa, Sandra Ínsua visitou a zona xunto con técnicos da Deputación.
O proxecto contempla o fresado da capa de rodaxe da estrada e a posterior reposición do pavimento con cinco centímetros de mestura bituminosa en quente. Así mesmo, procederase á demolición das beirarrúas e bordos existentes e levarase a cabo unha nova distribución das zonas axardinadas. Rematados estes traballos, construiranse novas beirarrúas.
Novas prazas de aparcamento
As obras tamén incluirán a creación de novas prazas de aparcamento, pavimentadas con formigón. Para delimitar o a zona de aparcamento coa calzada, disporase unha canaleta prefabricada de formigón dotada cunha reixa para que tamén cumpra a función de recollida de augas pluviais.
Segundo a Deputación para humanizar o paseo a carón do Río Grande do Porto colocaranse árbores e bancos de pedra granítica, substituiranse os farois por uns novos de características similares aos xa existentes e disporanse novas luminarias empotradas ao longo do paseo. A nova iluminación será de tecnoloxía LED, o que permitirá ademais un importante aforro na factura eléctrica.