O concello de Zas iniciou o reparto de 4.500 mascarillas entre os veciños do municipio. Participan nesta tarefa membros de Protección Civil. O obxectivo do goberno local e que a cada casa cheguen dúas máscaras de tipo quirúrxico de triple capa.
“Este reparto chega cun certo retraso e que nalgúns casos pode resultar escaso, dúas circunstancias que se deben ás dificultades para conseguir este material de protección” explicou o alcalde Manuel Muíño Espasandín.
Desde o concello lembran que están promovendo distintas medidas como a desinfección de colectores, dos exteriores dos establecementos que continúan abertos e das zonas máis concurridas estes días, entrega de produtos de primeira necesidade ás persoas máis vulnerables nestes momentos, reparto de material de protección e colaboración cos centros educativos do municipio.
Material escolar en Vimianzo
Seguindo na Terra de Soneira, efectivos de Protección Civil de Vimianzo recolleron este sábado o material escolar que aínda estaba no CEIP Ponte do Porto de Camariñas e que pertencía ao alumnado das parroquias vimiancesas de Carnés e Cereixo.
Esta acción, en coordinación coa dirección e co conserxe do centro, permitirá que unha ducia de estudantes conten cos libros e demáis material que eles tiñan no colexio na casa, para poder completar dunha maneira óptima as tarefas que viñan realizando desde o comezo do estado de alarma.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo “agradecer á dirección do CEIP Ponte do Porto, e ao seu conserxe Jesús, as facilidades que dispuxeron para o noso equipo de Protección Civil, que nestes momentos xa van camiño das casas das pequenas e pequenos para entregarlles o material”.
.