Escoita a entrevista co alcalde de Muxía
O alcalde de Muxía, Iago Toba, está convencido que nesta crise do coronavirus, “imos saír adiante reforzados” pero advertiu que “estamos en plena loita e non podemos baixar a garda e temos que ser responsables” diante “dunha situación descoñecida, nova e perigosa”.
Toba referiuse a unhas datas de traballo duro e “momentos tensos” nos que “hai que asumir responsabilidades novidosas” e nos que desde o concello de Muxía optaron “pola transparencia”.
Casos positivos por coronavirus que evolucionan favorablemente
Neste caso suliñou a confirmación “dalgúns casos positivos” pero que, actualmente, “non temos ningún caso de gravidade e os enfermos evolucionan favorablemente”.
Engadiu que “moitas das persoas que tiñan síntomas deron negativo”. Desde o concello seguen coa limpeza de rúas, atención psicolóxica, axuda a domicilio e outras accións:”Queremos que a poboación se sinta o máis segura posible” declarou.
Control aos paseos de cans “dunha hora e media”
Agradeceu a bo comportamento xeral pero incidiu na política de “tolerancia cero” porque “estamos falando da saúde da xente. É o máis importante que temos.0 90% cumpre as normas, pero se temos un 10% que non cumpre estamos prexudicados o 100%”.
Iago Toba aclarou que “eses que pasean os cans durante unha hora e media estanse vixiando e apercibindo”. Aconsellou que “non vaiamos dúas veces ao día ao supermercado. Estamos poñendo en risco a outras persoas”. Algo que fixo extensivo a outro tipo de comercios de primeira necesidade que seguen abertos.