O comité de empresa de Ferroatlántica(agora XEAL) denuncia a “nefasta xestión” da empresa ante a situación de emerxencia sanitaria xerada polo coronavirus “non garantindo a seguridade e a saúde dos seus traballadores/as e mantendo no seu posto de traballo a compañeiros e compañeiras que se atopan nos grupos de risco”.
Consideran unha “irresponsabilidade” que desde a empresa non se trasladara un listado de persoas en grupo de risco para garantir que ningunha delas estea acudindo a traballar e pondo en risco a súa saúde”.Piden que se adopten as medidas preventivas necesarias e se dote de EPIs para todo o persoal.
Peche de dun vestiario e do comedor social
Critican que Xeal cesara a actividade “ noutros dous fornos dicindo que ían concentrar a produción nos dous únicos fornos que quedan en marcha e os feitos indican o contrario, de feito eses dous fornos traballan menos que antes”.
Tamén lamentan peche do comedor social, a clausura dun vestiario e que que a empresa negue “a darlle un certificado aos traballadores que teñen que desprazarse ao seu posto de traballo para que poidan acreditar o desprazamento ante as autoridades de seguridade do estado”.
Desde o comité de empresa manifestan que “a empresa non aplicou cambios organizativos para evitar os amoreamentos de traballadores/as nos vestiarios ou á entrada das quendas. O que está facendo Ferroatlántica ante a pandemia do coronavirus é interpretar certa normativa para o seu beneficio, prexudicando notable e conscientemente os dereitos e a saúde dos seus traballadores, mais sen adoptar medidas realmente efectivas para garantir a seguridade e evitar os contaxios”.