A asociación Camiño dos Faros decidiu non organizar unha nova edición do Camiño dos Faros. Compartimos, na súa totalidade, o comunicado divulgado pola asociación.
Reunida a directiva da Asociación Camiño dos Faros decidimos non facer a edición 2020 do Camiño dos Faros.
O noso obxectivo foi sempre deixar un camiño para o futuro da Costa da Morte. Poderiamos ter moitos beneficios persoais con este camiño, mais o obxectivo só era consolidalo. Cremos que o obxectivo está plenamente cumprido, o camiño consolídase en toda a Europa sendeirista e miles de camiñantes de todo o mundo acoden percorrer toda esta Costa da Morte.
O único que falta é que as administracións consideren que é unha ruta de sendeirismo para mellorar a súa sinalización e mantelo limpo todo o ano. Mais parece que esto é imposible. Non porque non sexa unha ruta de sendeirismo, que o é, senón porque o fixemos tan ben que creamos un recurso do que todos (de fóra da comarca) queren aproveitarse. A ninguén lle interesa que catro amigos sen subvencións creen un recurso 100% sostible e altamente responsable coa Costa da Morte. Non é un bo exemplo neste mundo no que, coa escusa do turismo, malgástanse millóns e millóns de euros.
O tempo que se está perdendo en dar unha base sólida a este espectacular recurso non voltará e outros destinos de sendeirismo en Europa están a posicionarse perfectamente mentres os membros da asociación levan 7 anos facendo de políticos. Mentres as administracións presentan os seus proxectos en Fitur uns aos outros, a Rota Vicentina de Portugal, por poñer un exemplo, percorre as mellores feiras de sendeirismo en Europa nestes meses de inverno.
Por iso, cansos e aburridos de loitar sen avanzar, decidimos non facer a edición 2020. Sentímolo pola xente que nos quere e agradecemos enormemente todo o traballo dos voluntarios durante este tempo, pero non seguiremos facendo o parvo unha e outra vez.
Dende a asociación centraremos os nosos esforzos en seguir traballando para que a ruta quede como está e sexa desnaturalizada/corrompida o menos posible. Seguiremos loitando, con ou sen homologación, con ou sen axuda das Administracións, coma fixemos sempre.
Tamén sabemos que, grazas ao gran traballo de base feito e que estamos no 2020, na era de Internet, redes sociais e Wikiloc, isto non o pode parar ninguén.
Nós non imos facer a edición, pero iso non significa que ti non poidas seguir sendo trasno e gozar desta rota que está aberta e cunha cara nova os 365 días do ano. Ven coa túa asociación, familia ou amigos para percorrer esta aventura e así, entre todos, seguiremos mostrandolle ao mundo que esto é máis que un camiño.
Unha aperta
Asociación Camiño dos Faros