Este ano a Asociación de Veciños O Souto de Arcos conseguiu que desfilen os tres grupos que compoñían tradicionalmente a comitiva: o exército dos panos, o coro dos vellos e o coro dos cegos.
Este ano é especial no Entruido de Mazaricos porque os entruideiros de Arcos xuntaron a 50 persoas para facer o seu singular espectáculo. Así, e logo de non poder facelo desde 2017, este 2020 volverán saír ás rúas de Mazaricos o Exército dos Panos seguido polo Coro dos Vellos e o Coro dos Cegos. Poderase ver este particular desfile o domingo, 16 na parroquia de Arcos, o 22 pola mañá na Feira da Picota, ese mesmo día pola tarde no desfile do Concello, o 23 en Colúns, Beba e Corzón e o día 1 na Festa do Bolo do Pote.
O Exército dos Panos vai de branco, con botas de cana alta ou polainas, encinchados e con panos nos ombreiros que cruzan o torso. Estes panos que levan datan, en moitos casos, de principios do século XX. Tamén levan outros prendidos nos pulsos. Porén, o realmente identificativo son uns tocados moi vistosos, feitos de cartón e adornados con plumas e pequenas xoias.
Como manda a tradición, o abandeirado abre o camiño polas rúas, seguido polo xeneral, resgardado por unha parella de gardas civís e logo, o groso do exército. O Exército desfila de xeito moi coordinado e frea para facerlle sitio aos bailadores, unha parella de mozos experimentados nos bailes tradicionais. Ao grupo, tal como di o costume, ségueno outros personaxes: o varreduiro, provisto dunha vasoira feita de follas de cebro para facerlle falcatruadas á xente ou o rabechador, armado cun pau revirado. Outras persoas disfrázanse imitando oficios peculiares: o cordeleiro, o sarralleiro, o afiador, o limpabotas; ou profesións que eran novidosas na época: o médico, o veterinario ou o fotógrafo.
Parece que a orixe destes desfiles militares está nas guerras napoleónicas de comezos do século XIX, aínda que superposta sobre as batallas de mouros e cristiáns de longa tradición. O exército dos panos relaciona o Entruido de Mazaricos con outros como os da zona da Ulla, nos que a parroquia afirmaba o seu carácter e a súa identidade colectiva e rural fronte ás freguesías dos arredores. En relación á “Guerra da Independencia”, en Mazaricos houbo un enfrontamento cos franceses na Batalla da Ponteolveira. Se reparamos no chapeu do Exército dos Panos atoparemos moitas semellanzas con aqueles gorros altos que empregaban os franceses.
O desfile do Concello
O sábado, 22 pola tarde o Exército desfilará no evento organizado polo Concello. Comezará ás 17.00h desde o multiusos. Haberá merendola para nenos e nenas, xogos tradicionais, inchables, obradoiro de máscaras de Entruido, concurso de disfraces e comparsas e pola noite, cocido de Entruido en San Cosme de Antes.
Fonte- Concello de Mazaricos