Tres emblemáticos coídos de Camariñas foron obxecto dunha acción de limpeza organizada polo colectivo Mar de Fábula. Este é o balance que nós facía o presidente da asociación, Xosé Manuel Barros.
“O sábado 11 de xaneiro, durante máis de dúas horas, 30 persoas entre veciños de Camariñas( coa alcaldesa e membros da antiga corporación ) e 5 voluntarios vidos de fora, levaron adiante un descomunal traballo de esforzo físico e de valor ambiental, devolvendo ao seu estado de limpeza natural os coídos de Portocelo, o Pindo e os Boliños da Fortuna, tres recunchos da ribeira de Camariñas estreitamente vencellados á historia sentimental da vila.
O resultado da enorme colleita de lixo mariño que o mar devolveunos en bandexa nestos coídos, foi a seguinte:
Coído de Portocelo : 24 sacos grandes de 100 litros cheos de lixo plástico misceláneo máis uns 3 metros cúbicos de granel, incluíndo un enorme aparello de pesca perdido ao enganchar no fondo.
Coído do Pindo : 17 sacos grandes de 100 litros cheos de lixo plástico misceláneo máis uns 2 metros cúbicos de granel, incluíndo un neumático xigantesco inexplicablemente chegado á ribeira.
Coído dos Boliños da Fortuna : 13 sacos grandes cheos de lixo plástico misceláneo, incluíndo unha enorme cantidade de residuos de espuma de porexpan de todos os tamaños.
Na segunda fase do proceso da limpeza, o tractor do concello transportará ( polo menos dúas viaxes) este lixo mariño aos containers da granxa en Arou, onde nun longo proceso que levará o que resta de mes, Mar de Fábula procederá á súa identificación, cómputo e separación para reutilización e reciclaxe. O resultado publicarémolo ao remate do proceso.
Seguiremos adiante no proceso de limpeza do mar.
Nesta década que comeza agora, cada día conta»