Segundo o presidente da Xunta, a nova Lei de Pesca Continental de Galicia persegue conquerir un modelo sustentable, que dinamice o rural e logre a remuda xeracional.
Neste sentido, preténdese promover as “Escolas de río” para educar aos máis pequenos na conservación dos ecosistemas acuáticos continentais. Os que teñan ata catorce anos poderán pescar sen licencia, acompañados por un adulto con licencia. Os maiores de 65 anos quedarán exentos do pago de licencia. En Galicia hai uns 40.000 pescadores, dos cales un 80% superan os 50 anos.
Así o explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha comparecencia na que adiantou que a comezos do ano 2020 convocarase unha orde de axudas para entidades colaboradoras de pesca fluvial: “Os pescadores están namorados do seu deporte e cremos que eles son os que mellor poden transmitir as vantaxes da pesca continental en Galicia” dixo.Poranse en marcha medidas de divulgación da pesca.
Máis pesca sen morte
A nova lei traerá un plan de ordenación da pesca fluvial que terá en conta aspectos como que as repoboacións e soltas serán realizadas unicamente con especies autóctonas e contarán cunha planificación previa da Consellería de Medio Ambiente.
Establécense medidas de control e captura para as especies invasoras, e endurécense as sancións económicas para aqueles que utilicen substancias químicas ou explosivas. As multas poderán chegar ata os dous millóns de euros.
Outra das características desta Lei, que deberá pasar o trámite parlamentario e a potenciación da pesca sen morte “diminuindo a pesca extractiva”.Como novidade, introducirase tamén un sistema de autoguiado para o caso dos reos, no que o propio pescador será o que comunique á administración os datos dos reos capturados.