Tamén se deu conta á Corporación da liquidación do exercicio económico 2018. No Pleno extraordinario celebrado hoxe foron aprobados sen votos en contra todos os puntos da orde do día.
A sesión comezou dando conta á Corporación do resultado da liquidación do exercicio económico 2018 que, como datos máis significativos, pechouse en 12.088.352,95 euros e cun remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 2.708.043,39 euros.
Dado que o Concello da Laracha empregou durante o ano pasado parte do remanente resultante da liquidación orzamentaria da anterior anualidade para o financiamento de actuacións de investimento en infraestruturas e programas que melloraron a calidade de vida da veciñanza, excedeuse o límite de gasto porque a variación con respecto ao ano anterior superou a taxa de referencia do crecemento do PIB determinado polo Ministerio de Economía. Por ese motivo, e en cumprimento da normativa orzamentaria, foi preciso a aprobación por parte do Pleno –coas abstencións dos grupos socialista e nacionalista- dun plan económico financeiro que, como explicou o interventor, non precisará de medidas e que reconducirá formalmente a situación de cara ao período 2019-2020.
López Varela reivindica o uso dos remanentes
O alcalde, José Manuel López Varela, aclarou que esta circunstancia meramente técnica vén derivada do adianto de pagos a outras administracións e por ter realizado máis investimentos dos inicialmente previstos. Apuntou que “o Goberno Central debería permitirnos facer uso dos remanentes porque son economías que se xeran a nivel local e deben repercutir na mellora da calidade de vida da xente”. O rexedor considera que “son millóns de euros que temos inmobilizados cando existen necesidades nas que poder empregalos, e por iso deberiamos poder gastalos”. Neste sentido expuxo que “é necesario un acordo político de envergadura sobre o financiamento local” para lograr “un novo reparto dos fondos públicos estatais para os concellos e non ter que destinar cartos a asumir competencias que non son municipais”.
Medio millón de euros en investimentos
A continuación aprobouse –coa única abstención dos catro edís do grupo do PSOE- o suplemento de crédito que permitirá incorporar aos orzamentos a cantidade de 502.587,06 euros procedentes de parte do remanente líquido de tesourería. O seu destino será íntegro para investimentos financeiramente sostibles que non poden ser demorados ata o próximo ano e para os que non existe dotación económica nos presupostos vixentes. Trátase de moi diversas actuacións relacionadas con melloras na rede viaria municipal, nas redes de abastecemento, na iluminación pública, na recollida de residuos, nas infraestruturas públicas de titularidade municipal, nos equipamentos, no mobiliario urbano e na protección do patrimonio histórico (a relación completa de actuacións detállase no documento adxunto).
Por último, acordouse por unanimidade que o Pleno ordinario de novembro se retrase ata o 13 de decembro debido á viaxe de irmandamento que realizarán a Italia a final de mes varios concelleiros dos tres grupos políticos da Corporación municipal.