Comunicado da candidata Montse Almozara
Debemos examinar a conciencia a necesidade que ten a nosa terra de ter uns representantes de seu nas cámaras, que non teñan que votar coa conciencia do partido senón actuar e votar pensando sempre no ben de Galicia.
No último debate politico que se televisou puidemos ver como os dirixentes do PP, PSOE, Ciudadanos, Podemos e Vox se esquecen da nosa terra e non teñen un proxecto no que se nos teña en conta.
Temos que recordar novamente o abuso que se está facendo do noso pobo, somos a comunidade que máis enerxía eléctrica xenera no estado e non obtemos ningún tipo de beneficio, mais ben todo o contrario, pagamos a luz máis cara, seguen prometéndonos o AVE que nunca chega, estáfannos coas peaxes, non defenden o emprego nin a industria galega.
Síntome realmente preocupada porque a xente que está cansa de determinados partidos, algúns poden deixarse levar por novas marcas como VOX, cun proxecto que propón a eliminación de liberdades, eliminación do noso Parlamento, da nosa língua e de todo o que nos identifica como galegos/as.
A miña ideoloxía política é a de traballar pola terra, son galeguista porque levo Galicia sempre conmigo, son Europeista porque non entendo a politica actual sen ter un contacto directo coa política europea, eu son de Compromiso por Galicia. Nesta ocasión tanto eu coma o resto do meu partido entendemos que si o voto galego se divide nunca se chegará a ter voz no estado, por iso demos un paso ó frente e chegamos ao acordo de concurrir en conxunto co BNG, porque máis aló das nosas diferenzas os 2 partidos temos como bandeira a defensa dos intereses da nosa terra.
Somos un pobo de orgullo, fachendoso do noso e sen embargo vendémonos ás forzas de fóra escoitando promesas e mentiras campaña tras campaña. É o momento de abrir o ollos de ver que ninguén de fóra vai mirar polo noso, que necesitamos estar os galegos e galegas físicamente onde se toman as decisións porque a nosa xente non engana, porque un galego ten palabra e traballa.
Este 10-N temos que poñer a voz de Galicia en Madrid e para iso temos que votar maioritariamente e en conciencia ó único partido verdadeiramente galego, este domingo vota BNG.
Montse Almozara
Candidata ao Congreso pola provincia da Coruña