// Xosé Manuel Lema// Ana Pontón asegura en Carballo que “non imos fallar”.
A portavoz nacional do BNG fixo un chamamento á mobilización no mitin celebrado en Carballo. Dixo entender que haxa xente “defraudada” porque “O PSOE e Podemos xogaron co seu voto” pero solicitou transformar ese descontento “nalgo positivo para que Galiza teña unha oportunidade”, votando ao BNG “porque non lle imos fallar”.
Ana Pontón tamén apelou á xente que apoia ao BNG nas eleccións municipais en Carballo, onde os nacionalistas gobernan con maioría absoluta, “cun proxecto que permite avanzar”. Deixou claro que “non hai un BNG en Carballo e outro nacional” e pediu confianza no Bloque “porque imos defender o mellor para Galiza e para Carballo”.
Disputando un deputado con Vox
Neste acto tamén participou o candidato Nestor Rego, que falou das posibilidades certeiras de que o BNG acade representación:»Sabemos que o BNG está a disputar directamente o deputado con VOX. Por iso é necesario concentrar todo o voto en chave galega e tamén todo o voto democrático e antifascista no BNG, para conseguirmos o obxectivo de dar voz ao noso País e de parar xa, aquí e agora, esa dereita carca e antigalega que padecemos, que quere que retrocedamos en dereitos e liberdades, que ataca a nosa lingua e nos nega como pobo».
No mitin de Carballo tamén interviron os candidatos Xoán Sande e Belén Lendoiro e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero que afirmou:»Se somos quen de transformar os concellos nos que gobernamos tamén seremos quen de mellorar este país».