Un colapso nos filtros motivado polas fortes chuvias e os desprendementos de terra, provocaron diversos cortes no subministro de auga no concello de Coristanco esta semana.
Escoita a entrevista con Juan García a partir do minuto 76 do audio
Non é unha sorpresa para o alcalde, Juan Carlos García Pose, que está convencido que “o principal problema de Coristanco é o da auga, con diferencia”.
Rede obsoleta
Aínda que os operarios traballan para garantizar o abastecemento “temos unha rede con moitísimas fugas e unha estación de bombeo que funciona ao dobre da súa capacidade” explica o alcalde, e así o testemuñaron os técnicos de Augas de Galicia na inspección realizada recentemente.
O concello leva dous meses facendo melloras, dentro das súas posibilidades pero “necesitamos facer grandes investimentos que virán a medio ou longo prazo”.
Actuacións inmediatas
De momento os traballos son “de actualización e mantemento”. Renováronse os filtros e vaise investir uns 450.000 euros na rede principal, substituindo a tubería de fibrocemento por unha de fundición “para evitar roturas permanentes”.
E logo ir localizando as fugas que hai na rede secundaria.Paralelamente, desde o concello estase a normalizar o cobro de recibos. Outra das eivas dos últimos anos.
Obras pendentes
Non é a única fronte que ten aberta o goberno local de Coristanco. Hai investimentos pendentes de executar desde 2014 que corren o risco de perderse.”Temos xa oito expedientes para que se adxudiquen e que as obras poidan empezar”.
Neste tempo, García Pose tamén destaca a modificación das ordenanzas do ICIO e do IVTM, ou o inicio dun estudio de viabilidade do Polígono Industrial.