O Partido Socialista de Santa Comba está disposto “ a continuar con normalidade o pacto de goberno inicial pola estabilidade de Santa Comba” pero advirte que “sempre e cando a transparencia sexa mutua”.
Os socialistas pensan que a “total transparencia” que ofrecen os seus concelleiros “non está sendo correspondida” por parte do alcalde, David Barbeira, e que existe “unha falta de comunicación” por parte do seu socio, que deriva “nos escasos avances en materia política” rexistrados.
Percepción de quebrantamento do pacto de goberno
Estas reflexións foron partilladas entre os concelleiros socialistas e os militantes e simpatizantes que acudiron a unha xuntanza convocada “ante a indignación suscitada no último pleno ordinario, no que o representante de Compromiso por Santa Comba e socio de goberno, David Barbeira votou en contra en tres das catro mocións presentadas polos socialistas”.
Desde o PSOE sinalan que “a polémica decisión” do actual mandatario xalleiro “foi percibida como un quebrantamento do pacto de goberno acadado nas pasadas eleccións municipais”.
Elección de obras de xeito proporcional
Segundo as mesmas fontes “a percepción destas discrepancias acrecentouse” con motivo da xunta de portavoces convocada polo tenente alcalde e líder socialista, José Antonio Ucha Velo, que non contou coa presenza do mandatario:»Foi o alcalde quen dous días máis tarde convocou unha nova xunta, ante o desconcerto dos cidadáns e a sorpresa dos medios de comunicación, aumentando a sensación dunha inestabilidade política».
Nese encontro con afiliados e militantes, os concelleiros socialistas explicaron a proposta para o Plan de Obras “de forma proporcional en relación ao número de concelleiros”.