//Xosé Manuel Lema// Audio coa entrevista a partir do minuto 70.
Despois de varios anos na oposición, Mónica Rodríguez, afronta un mandato como alcaldesa, con ilusión e ánimo de desenvolver un “traballo intenso”.
A rexedora socialista asegura que hai “moitas cousas que necesitan que se activen e tamén temos que desbloquear moitos trámites que estaban paralizados”.
En tres meses pretendeuse facer o que non se fixo nos catro anos”
Insiste en que a situación económica do concello non coincide coas valoracións feitas por Adiante Vimianzo:”En tres meses pretendeuse facer o que non se fixo nos catro anos”. Indica que nas partidas hai “diñeiro con nomes e apelidos que teñen unha preasignación”.
Mónica Rodríguez ten claro que “se non chegamos a facer unha modificación de crédito de 623.000 euros non poderíamos atender necesidades urxentes e tapar buratos do goberno anterior”. E convida aos veciños a ver as contas no propio concello.
Nunha entrevista no programa radiofónico “Na Encrucillada”, Rodríguez destacou que co cambio de goberno “o urbanismo volveu á normalidade, e o técnico non está na Coruña, está nas oficinas do concello”.
Os concelleiros do PSOE o día da toma de posesión
Polígono industrial e Centro de Atención Temperá
Un dos grandes retos é a dinamización do Polígono Industrial. Xa se recibiu á responsable de SEA, Beatriz Sestayo, e o 28 de outubro haberá unha xuntanza con empresarios na capital de Soneira.
A posta en marcha do servizo “Madrugadores”, as actuación no Castro das Barreiras ou o Centro de Atención Temperá xunto con Muxía e Camariñas, son outros temas nos que se está traballando.
Outra prioridade é a atención parroquial e cumprir coas demandas que chegan ao consistorio desde as zonas rurais. Desde a súa condición de goberno en minoría, desde o PSOE ofrécese diálogo á oposición “polo ben de Vimianzo”, se ben se recoñece que as conversas con Adiante Vimianzo do exalcalde Manuel Antelo son “complexas”.