O alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, mantivo o seu primeiro encontro oficial co presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, ao que lle pediu apoio para potenciar» e «revitalizar» a Festa da Pataca, que este ano alcanza a súa 39ª edición.
Neste encontro Formoso e García Pose estudaron posibles vías de colaboración para a Festa da Pataca que pretende ser «máis técnica, máis cultural e máis gastronómica».
Festa da Pataca de Coristanco
O concello de Coristanco xa comezou os trámites para que sexa declarada Festa de Interese Turístico. Juan Carlos García adiantou que este ano haberá xornadas técnicas con expertos españois e franceses, sesións de showcooking e actividades culturais paralelas.
Valentín González valorou positivamente a intención do rexedor de potenciar a festa de exaltación do produto local por excelencia de Coristanco e ofreceu a colaboración da Deputación, a través das distintas liñas de subvencións da institución provincial.
Delegación da xestión de taxas e tributos
Na xuntanza, o alcalde de Coristanco tamén trasladou o desexo do goberno local de delegar na Deputación a xestión de distintas taxas e tributos locais no organismo provincial co obxecto de mellorar a recadación.
Juan Carlos García Pose acudiu á reunión acompañado polo portavoz do PSOE en Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda.