Foto-arquivo AG- Vídeo- Concello de Santa Comba
No pleno celebrado en Santa Comba aínda se notaba o cambio de responsabilidades recentes. Mentres o PP tentaba vender os logros máis recentes do seu mandato o PSOE afeaba a xestión dos conservadores. Un intercambio dialéctico co alcalde David Barbeira lanzando unha mensaxe clara:“Temos que mirar un pouco máis cara o futuro para tentar cambiar Santa Comba.De nada vale estar aquí tirándonos os trastos”.
Coincidiron os dous grupos na reflexión. José Antonio Ucha falaba de “borrón y cuenta nueva” e María Pose tamén apoiaba a idea de “traballar por Santa Comba”.Pero antes houbo máis dunha hora de debate.
Acta do goberno do PP non aprobada
Non se aprobou a última acta do goberno do PP, xa que o PSOE votou en contra e Compromiso e PP abstivéronse. A Ucha pareceulle “incrible” que os populares non votaran a favor da súa propia acta.”Veñen un pouco cegos” dixo. Si se aprobaron as dúas últimas actas do novo goberno.
No pleno aprobáronse varias cuestión relacionadas co funcionamento do concello como os representantes nas comisións informativas ou os decretos do persoal eventual.
Debate entre Ucha e María Pose
Nos decretos, María Pose iniciou un percorrido por temas relacionados co seu mandato. Como o convenio da Unidade de Atención Temperá:”Quero recordar que o PSOE votou en contra deste servizo completamente de balde”. Para Ucha foi “tal a bicoca que o primeiro que fai Mazaricos é botarse fora”.
Pose enumerou varias obras feitas e outras licitadas pendentes de execución e referiuse a investimentos previstos como un circuíto de Calistenia (47.990 euros), ou actuacións na Praia fluvial de Esmorode ou no parque empresarial de Santa Comba.
Cambio de emprazamento da pista multideporte
O tenente de alcalde de portavoz socialista criticou o proxecto de Calistenia xa que “ninguén quere esas tonterías” porque “non me digades que aqueles ferros valen 47.000 euros”. Recriminou que o goberno do PP habilitou unha pista multideporte “nunha zona de afectación de patrimonio” a pesar das advertencias do PSOE “de que non se podía construír”. Finalmente haberá que cambiar de localización.
A concelleira popular Silvia Cancela asegurou que concellos como Arteixo “teñen varios” circuítos de Calistenia e con respecto á pista multideporte, desde o PP aseguraron que os informes técnicos avalaban o emprazamento e que “os nenos están facendo uso dela”.“Igual lle parece barato” afirmou José Antonio Ucha con respecto ao gasto de 16.400 euros “na Clásica Gandeira nun solo día”.
Proxecto de Fontenla con deficiencias
Tamén denunciou a construción de muros en propiedades privadas, algo que o PP negou, o gasto da Festa dos Maiores, con 35.752 euros de gasto “cun contrato a dedo saltándose a lei”, ou o destinado ao congreso Periodipesca “o timo máis grande do concello”.
A quenda de rogos e preguntas foi un tanto atípica con respecto a maioría dos concellos. O PP preguntou por varias licitacións, entre elas a do campo de fútbol de Fontenla. “No próximo pleno diremos a decisión que imos a tomar” precisou o rexedor, que estableceu dúas preguntas á oposición.
Unha precisamente relacionada co proxecto do estadio xalleiro, que se enfronta a unhas deficiencias no proxecto. Barbeira quería saber cómo tiña pensado salvar este obstáculo o goberno do PP. Silvia Cancela ofreceuse a informar ao mandatario privadamente.
Andaina contra o parque eólico de Castriz
Ademais quixo saber a postura do PP sobre unha andaina contra o proxecto de parque eólico que afecta a Castriz, xa que lle gustaría que houbera un “posicionamento unánime”. A portavoz popular argumentou que xa estaban en contacto cos veciños. No pleno a concelleira Blanca Ruzo interpelou a María Pose con respecto a xestión dos servizos sociais, o que provocou un debate entre ambas.