Audio. Escoita a entrevista do alcalde de Ponteceso “Na Encrucillada” desde o minuto 63
O alcalde de Ponteceso está moi ilusionado con esta nova lexislatura e non oculta os seus obxectivos:”Imos dicirlle á xente que Ponteceso vai a ser un concello onde a seguridade xurídica e as oportunidades de negocio van a estar aseguradas”.
Lois García Carballido pretende “reverter a tendencia demográfica da Costa da Morte” coa posta en marcha dunha “axenda económica e de vivenda” con incentivos para fixar poboación.
“Ponteceso é un lugar fermoso para vivir. Un concello con moita natureza, con case 30 quilómetros de costa, con moitas actividades de deportes de aventura e natureza, e cun estilo de vida tranquilo, sen atascos nin semáforos” manifestou o rexedor.
«Temos ganas de traballar e proxectos enriba da mesa»
Desde o goberno socialista quérese seguir potenciando a cultura, xestionar a ampliación do polígono industrial de Tella e a mellora dos accesos ao peirao de Corme.
“Temos ganas de traballar e proxectos enriba da mesa” sinala Carballido que segue explorando posibilidades e participando en foros como o grupo BNI.”Agora o concello está mellor que cando o collemos e as contas están moito máis saneadas” explica.
Agarda poder atraer investimentos da Xunta xa que “non podemos estar sen un plan de sendas nas estradas autonómicas”. Este venres manterá unha xuntanza na Autoridade Portuaria coruñesa para pedir a apertura do Faro de Roncudo, que sería “un revulsivo turístico” para Corme e para toda a contorna.