A Feira das Cereixas está declarada de interese turístico. As celebracións serán do venres 5 ao domingo 7 de xullo
A celebración gastronómica de maior relevancia e tradición do Concello da Laracha, a Festa das Cereixas de Paiosaco, celebrarase durante a próxima fin de semana. O Concello da Laracha –co alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Patricia Bello e Ramiro Bello- e a Comisión de Festas de Paiosaco presentaron hoxe o programa nun acto celebrado no campo da feira. O cartel inclúe destacadas novidades e moitos eventos cos que se dará un impulso ás celebracións que contan co distintivo de Festas de Interese Turístico de Galicia.
A primeira gran novidade será a duración xa que neste ano serán tres días de celebracións comezando o venres día 5 de xullo cunha verbena amenizada polo Combo Dominicano.
Na xornada do sábado haberá sesión vermú e verbena nocturna coa actuación do Grupo Limón. Pola tarde o público infantil e familiar poderá disfrutar do espectáculo dos Bolechas, que estarán desde as 19:30 horas no centro sociocultural da Porta Santa e que se realizará coa colaboración da Rede de Dinamización Lingüística. Tamén se celebrará a partir das 16:00 horas a cuarta edición do Aberto de Billarda das Cereixas baixo a organización da Asociación Cultura-Deportiva A Billarda de Toxo.
Xa o domingo, durante a habitual xornada de feira haberá un posto informativo do Concello da Laracha no que se ofrecerá material turístico e unha food truck que distribuirá diversas elaboracións feitas con cereixas como ingrediente principal. A partir do mediodía contarase coa charanga Os Kilomberos de Monte Alto. A sesión vermú será desde as 14:00 horas.
Ás 20:00 horas principiará o espectáculo de música e baile tradicionais galegos a cargo da Asociación Cultural Queiroga e, pola noite, o espectacular fin de festa será coas actuacións de Dequenvessendo e Luar na Lubre. O broche porase a media noite cunha sesión de fogos artificiaisAo tratarse dunha Festa de Interese Turístico de Galicia, colaboran na organización a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e Abanca.