Escoita a entrevista con David Barbeira a partir do minuto 17 do audio
O candidato de Compromiso á alcaldía de Santa Comba está convencido de que “o único que lle fai falta ao noso concello é xente con ganas de traballar” e asegura que neste senso a súa opción a única de Santa Comba “que está traballando xa no seu programa electoral”.
David Barbeira pensa que a clase política “non está a altura dos veciños de Santa Comba” e polo tanto concedeu un suspenso tanto ao goberno “que non está cumprindo cos seus deberes” como á oposición que “non está aportando nada ao noso concello”. Demanda que se fagan propostas e non só críticas.
“Non me gustan as publicacións que se están facendo duns partidos contra outros Debemos de esquecernos dos problemas persoais e falar máis de proxectos para Santa Comba” declarou Barbeira en Radio Xallas.
“Queremos ser a forza máis votada”
Sobre os resultados o líder de Compromiso manifesta que “queremos ser a forza máis votada e creo que é necesario”. Lembrou os tres piares do programa: Un Centro de Día público, o aumento de unidades de Formación Profesional e máis solo industrial para atraer empresas e fixar poboación.”Nos mitins non falamos de farolas, fochancas e asfaltados porque esa xa é unha obriga dos gobernantes”.
Outro obxectivo de Barbeira é ter “un concello totalmente transparente para que a xente poida ver onde se gastan os cartos”. Tamén lembrou que “Compromiso por Santa Comba non vai a pactar con ningún partido outra cousa é negociar”. Lamentou que non haxa máis unión entre os partidos para traballar conxuntamente en temas como o do Centro de Día.