Texto Xosé Manuel Lema // Foto Satiro Brenlla/Concello de Santa Comba
Onde os feros corvos que homenaxeaba Pondal aniñan. Onde cada mañá máis de nove mil vacas frisonas dan o seu leite de calidade para consumo de moitas familias. Onde as augas do río Xallas redobran como un tambor gozoso e as troitas fan acrobacias na auga.
Esa é Santa Comba que cada día se ergue, nunha centralidade xeográfica aínda por explotar debidamente. A terra dos bravos homes que bautizaron co nome de “xalleiros” ó oficio dos arrieiros. Que fixeron mapas cos seus carros por recunchos non imaxinados. Que nutriron co volframio dos seus montes a febre bélica de antano. Eses homes e esas mulleres que emigraron deixando unha fonda pegada en Brasil, Cuba ou Suíza. Unha terra de alento xacobeo e vocación peregrina. O berce de Ángel Rieiro que puxo a súa vida ao servizo dos necesitados en Perú. E de Basilio Río, o último procurador xeral de Terra Santa.
O país verde de Pepe de Xan Baña, copleiro de Varilongo, dos irmáns Amigo e do mestre Ferrero enchendo as partituras cos seus soños. Onde Xesús Cristo sorrí crucificado no cruceiro de Castriz. Alí onde a paixón da natureza se converte en fervenza. Cun inmenso demo sometido por San Miguel preto da milagreira fonte de Rubín. Coa expresión de fervor na romaría de Vilamaior. Con tanta riqueza cultural agochada no fol dunha gaita, tatuada nas vellas mans das pandereteiras.
Esa é a Santa Comba que coñecín fai varios lustros. E na que hoxe vivo e sinto. A das feiras tradicionais que saben a polbo e a viño tinto.Da boa gastronomía.A que ten unha emisora local, Radio Xallas, como referente da comunicación na bisbarra.A terra da xente amable e acolledora.
Xosé Manuel Lema. Locutor de Radio Xallas. Director do xornal Adiante Galicia.