Alberto Calvelo e Alexandre Antelo, en Radio Xallas.A partir do minuto 32 do audio pode escoitarse
O candidato do BNG á alcaldía de Santa Comba, Alberto Calvelo, pediu o apoio da veciñanza porque “Santa Comba precisa un cambio de rumbo” e puxo como exemplos os gobernos nacionalistas de Mazaricos, Carnota, Zas ou Carballo para explicar que “o crédito do BNG está aí”.
Sobre Santa Comba asegurou que “o concello cada vez está máis abandonado e os gobernos de turno non fan nada por cambiar a situación”. Unha das súas prioridades é evitar que “a xente siga marchando” aínda que lamentou que “non temos ningún reclamo para que a xente veña para aquí”.
Un BNG “decisivo” en Santa Comba
En Radio Xallas tamén falou o responsable local, Alexandre Antelo, que se amosou “moi optimista” cos resultados das vindeiras eleccións municipais e con que o BNG poida ser “decisivo” no futuro goberno xalleiro.
Antelo Noya criticou a experiencia de goberno do PSOE:“As maneiras do goberno de Ucha non foron as máis axeitadas”. E tamén a do PP; “o actual goberno do PP case fai bo a Toja, non está preparado para gobernar Santa Comba”.Na súa intervención denunciou “o reparto de vales de material de construción”.
Para Alexandre Antelo esta foi “unha lexislatura perdida” que se caracterizou “por un enfrontamento entre forzas políticas que non levou a ningún lado, soamente ao espectáculo”.
Pediu aos veciños que apoien un cambio pero definiu ao PSOE como “unha lista autoritaria disfrazada de progresista” e alertou das “listas independentes” que se acaban unindo ao PP.Para Antelo O BNG representa a opción idónea.