Centos de veciños arrouparon ao actual alcalde de Mazaricos.
A Casa da Cultura da Picota ateigouse de xente que quixo asistir á presentación da candidatura do BNG, liderada polo actual alcalde Juan Blanco, que afirmou que nesta lexislatura cumpriron “todas as promesas do noso anterior programa electoral, porque o noso son os feitos e esa continuará a ser a nosa característica esencial: traballo, traballo e máis traballo”.
“Proxecto de continuidade e futuro”
Blanco asegurou que eses “dez puntos” do programa “sentan as bases” do que é o seu “proxecto de continuidade e futuro” despois dun “gran cambio, para ben”.
Juan Blanco dixo que a candidatura que encabeza representa “un equipo plural e representativo, tanto a nivel territorial como profesional”. O candidato nacionalista argumentou que “son xente de Mazaricos que continuará a traballar para a veciñanza de Mazaricos para desenvolver o noso proxecto”.
A candidatura de Juan Blanco
Acompañan a Blanco na candidatura Beatriz Alvite, Esteban Pereiro, Sandra Alvite, Jorge Domingo Villar, Jorge Sanmartín, José Miguel Blanco, Cristina París, María López, Vanesa Pereira, Roberto Tuñas e José Manuel Campos, Bienvenido Solís, Montse García e Lourdes Moldes de suplentes.
O candidato detallou os “piares básicos” da xestión do concello: “a transparencia nas contas, a xestión institucional competente, o mantemento de camiños, a xestión da auga, o apoio aos gandeiros, hostaleiros e demais empresarios, a mellora das condicións de vida para os nenos e maiores e o apoio absoluto a todas as actividades deportivas e asociativas”.