Audio coa entrevista a Juan Carlos García Pose desde o minuto 77 de programa
Visitas do presidente da Xunta e de varios conselleiros, xuntanzas parroquiais, traballo en equipo e unhas mensaxes propositivas. Juan Carlos García Pose reactivou o Partido Popular de Coristanco.
“Cando un ten a sensación de que o seu concello non ten o nivel de servizos que debería ter. Cando vemos que noutros concellos máis pequenos hai servizos e oportunidades, isto determina a tomar unha decisión”. E Juan García tomou a decisión de liderar unha opción política.
“Nós temos un proxecto para Coristanco”
“Non hai territorios sen futuro, hai territorios sen proxecto. Nós temos un proxecto para Coristanco e polo tanto hai futuro” manifesta o candidato nunha entrevista en Radio Xallas.
Considera que hai que “humanizar as rúas de Coristanco pero tamén a política”. Non entende o clima de “enfrontamentos” que se vive no municipio xa que entende que “a política é acordo, buscar puntos de encontro. Non entendo como durante unha lexislatura non se pode votar nada de acordo entre todos. Isto quere dicir que primaban os intereses particulares”.
“Podemos estar orgullosos do noso patrimonio natural”
García ten claro que “a xente ten participar das decisións, porque a política está ao seu servizo e nos imos centrar os esforzos en buscar recursos para resolver os problemas dos veciños”.
O líder do PP local estima que “non se está poñendo en valor todo o patrimonio que ten Coristanco”. Como lle transmitiu esta semana á Conselleira de Medio Ambiente, aposta pola mellora do Refuxio de Verdes e a recuperación de muíños na zona e doutras iniciativas “porque podemos estar orgullosos do noso patrimonio natural”.
Perda de axudas no concello de Coristanco
A marca de calidade para a Pataca de Coristanco, a área industrial, viveiro de empresas, saneamentos, sendas peonís, adecentamento de camiños ou a posta en marcha dunha oficina de emprendemento, son asuntos prioritarios na axenda do candidato.
Pero se chega á alcaldía, pretende que sexa unha lexislatura onde teñan especial protagonismo “os máis vulnerables”, os nenos e os maiores.
“Os veciños de Coristanco non teñen porque pagar máis impostos cando os servizos son peores” sentenza García que se mostra crítico coa xestión neste mandato “pola cantidade de axudas que se perden e os centos de miles de euros que non se pediron, algo que é grave”.