Patricia Val Antelo / Estefanía Calvelo Muñiz
Desde 1911 o 8 de marzo quedou marcado no calendario internacional como un día especial, de recordo, conmemoración e reivindicación. Rememorábase un 8 de marzo de 1857 no que un grupo de obreiras téxtiles tomou a decisión de saír ás rúas de Nova York a protestar polas míseras condicións nas que traballaban. Desde entón, distintos movementos sucedéronse a partir desa data e mobilizáronse en conxunto, ata chegar aos nosos días e ás multitudinarias ¬–e tremendamente necesarias, engadimos nós¬– manifestacións en defensa do que hoxe, despois de varias ondas, teorizacións intelectuais, sociais e prácticas, chamamos con orgullo FEMINISMO. Desgraciadamente, a pesar dunha sociedade sempre máis informada, parece que moitos aínda non se decatan do verdadeiro significado non só do termo, senón que tamén do movemento transversal que aúna, que polo simple case pode parecer unha desvirtuación, pero que obviamente non o é, porque non é outro que o de reivindicar a IGUALDADE de dereitos e posibilidades desde o principio de recoñecer e aceptar as diferenzas.
Chegar ata aquí custou moito e foi un longo camiño. Miles de millóns foron, e desgraciadamente seguen sendo, as mulleres que sufriron a desigualdade en cada unha das súas mil formas (vexacións, malos tratos, abusos, falta de oportunidades, prohibicións, imposicións,…), acareando o secuestro do que en toda sociedade democrática é un dos bens máis prezados: a LIBERDADE. Pero ao longo dos séculos, miles foron tamén as pioneiras e valentes que coa súa loita e exemplo axudáronnos a avanzar: Hipatia de Alexandría, Mary Wollstonecraft, Virginia Woolf, Simone de Beauvoir, Rosa Parks, Rosalía de Castro, Clara Campoamor ou Emilia Pardo Bazán son só a punta de lanza dun movemento imparable, formado por mulleres ilustres e anónimas que esixen –que esiximos– a igualdade desde o empoderamento e a reivindicación da condición feminina. É aínda moito o que queda por facer, posto que a desigualdade entre homes e mulleres (pero tamén entre razas, condicións sexuais e estratos económicos) segue manifestándose e perpetrándose en todos os ámbitos, desde o persoal e cultural, pasando polo laboral, o social, o económico e mesmo o político, dificultando o pleno desenvolvemeento da muller como individuo e da sociedade como conxunto.
Aínda vivimos sumidas nunha discriminación constante, consentida e en moitos casos mesmo propiciada, que viola os principios básicos de igualdade de dereitos e respecto á dignidade humana. Precisamente por isto non é difícil ver a necesidade de movementos como o FEMINISMO e manifestacións como as que están programadas en todas as cidades do noso país para o 8 de marzo, chamando á participación de mulleres e homes baixo o paraugas da reivindicación social, de forma transversal e rexeitando de bandeiras ou siglas.
A pesar de todo o anterior, moitas persoas parecen non entender a entidade e a importancia capital de todo isto e queren utilizar un movemento social no que todos deberiamos estar unidos para facer campaña, rebaixándoo a unha basta política de partido. Máis aló dos intentos descerebrados de crear categorías distópicas como o “feminismo liberal” (que debe de ser algo así como o que xa mencionou Margaret Atwood no Conto da Criada), ata a pequena escala trátase de sacar rédito electoral de algo que debería permanecer afastado de indesexables lóxicas partidistas. É o caso do que está a ocorrer aquí en Santa Comba, o noso pobo, no que moito se fala nestas datas de “honrar ás nosas mulleres”, pero no que pouco ou nada se sabe de como debería facerse. Para o 8 de marzo dous partidos políticos convocaron actos solapados xusto á hora na que en cidades próximas como Santiago ou A Coruña están programadas manifestacións multitudinarias e, como vimos repetindo, necesarias. É máis, un dos devanditos actos, o que ao final se vai a levar a cabo, é un mitin no que políticos homes veñen inaugurar a precampaña electoral.
Ante este panorama, cremos importante deixar oír a nosa voz, non como concelleiras pertencentes a un partido político, senón a título persoal. A nosa condición de integrantes dunha corporación municipal esíxenos moitos deberes, entre os cales creemos atópase un que é ineludible, e é a responsabilidade de defender os dereitos e intereses da poboación que nos escolleu como representantes. Neste 8 de marzo o que debe prevalecer son as reivindicacións do FEMINISMO e dos colectivos que o forman e danlle nome e, con iso, dannos a nós dignidade desde unha loita da que todas debemos ser partícipes sen importar a afiliación política. Non podemos aceptar que se utilice este día e todo o que significa para facer campaña ou para poñer no foco unhas siglas.
Dá a impresión que en Santa Comba non queremos ou non sabemos unirnos nin tan sequera para apoiar unha causa tan importante, a pesar de que 6 dos 13 membros da corporación sexamos mulleres. Pero impulsadas polos principios de colaboración, unión, sororidade e debate que realmente se atopan na base do movemento feminista queremos lanzar un ofrecemento ás demais integrantes da corporación: o feminismo e a loita polos dereitos das mulleres teñen que estar na axenda política e social todos os días do ano, non só no 8 de marzo, por iso, convidamos ás demais concelleiras (e mesmo aos concelleiros que queiran sumarse) a organizar unha mesa redonda, na que todas podamos achegar as nosas visións e opinións e discutilas nun foro público (un acto, un faladoiro na radio municipal, por exemplo), afastadas de bandeiras políticas, porque se queremos falar de verdade de feminismo, se de verdade queremos facer algo para defender o colectivo ao que pertencemos iso terá que ser sempre desde a concordia, o dialogo e a seriedade, que son supostos que non aceptan siglas políticas. Como indica o manifesto do 8 de marzo de 2019: FRONTE AO “NÓS PRIMEIRO” EXPOMOS O “NÓS XUNTAS”.
Estefanía e Patricia