Carlos Abelenda “Na Encrucillada”. Escoita a entrevista a partir do minuto 60 de programa.
O candidato da Marea de Coristanco á alcaldía, Carlos Abelenda, considera que a “principal prioridade do concello de Coristanco é recuperar a normalidade institucional” dada a “situación de inestabilidade” existente.
Abelenda amosouse moi crítico cos últimos alcaldes do concello. Dixo que a chegada de Amancio Lavandeira supuxo “unha oportunidade de cambio político” pero non se cumpriron as promesas:”O goberno de Amancio Lavandeira foi un fraude político aínda que foi mellor que a volta ao caciquismo de Antonio Pensado Plágaro”.
O candidato e estudante de Ciencias Políticas opina que “a moción de censura xa estaba ideada desde que comezou a lexislatura” e que a entrada de Abraham Gerpe no executivo de Lavandeira “era un xeito de non defraudar aos seus electores“para despois marchar do goberno “desgastar e lexitimar unha moción censura”.
Para Abelenda a intención era que o poder volvera ao PP:”Pensaron que Abraham Gerpe ía ser unha especie de títere de Pensado pero posiblemente lles saíu rana”.
“Coristanco está nunha situación rara”
O líder da Marea de Coristanco pensa que na actualidade Coristanco “está nunha situación rara” e recrimina que os novos gobernantes “viñan de salvapatrias e falaban da perda de subvencións pero os ingresos por subvencións do goberno de Abraham Gerpe foi cero”.
Estima que fai falta un cambio e que a opción é esta candidatura de unidade popular. De momento non teñen confeccionado o programa electoral pero nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas, Carlos Abelenda, falou da necesidade de promover un proxecto de mellora das telecomunicacións e internet, afondar na participación cidadá e na rendicións de contas, no acondicionamento e promoción do Refuxio de Verdes, e en dotar de ferramentas para dar máis competitividade aos produtores de pataca do Verxel de Bergantiños.