O Concello de Zas critica o retraso da Xunta de Galicia en resolver os expedientes de valoración de dependencia. O alcalde Manuel Muíño criticou a situación actual: “A lista de agarda que hai hoxe no Concello de Zas en dependencia é provocada pola Xunta de Galicia xa que concede horas aos dependentes, pero non aumenta as horas que ten asignadas ao concello para que este poida prestarllas a eses dependentes. Confundindo deste xeito aos usuarios, que pensan que xa poden desfrutar desas horas porque teñen aprobada a súa prestación”.
O rexedor puxo como exemplo o caso de tres veciños que levan agardando máis de oito meses pola valoración e a posterior resolución, cando o prazo máximo estipúlase en seis meses.
“Non poden pasar máis de seis meses desde que un veciño ou veciña solicita a dependencia ata que a Xunta de Galicia lle asigne, sempre que proceza, a asistencia. É dicir, como máximo en seis meses o dependente ten que dispoñer do servizo polo que nestes tres casos de Zas a Xunta de Galicia está incumprindo a lei” manifestou Muíño Espasandín.
Deficiente xestión do Servizo de Axuda no Fogar
As críticas desde o goberno local tamén se estenden a “deficiente xestión” da Xunta no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), “xa que o número de horas que ten asignadas o Concello de Zas son insuficientes para atender a todas as persoas dependentes que xa teñen aprobadas as prestacións”.
Desde o concello de Zas informan que o número de usuarios/as medrou de forma significativa nos últimos anos, “e aínda que no último ano o número de horas para a dependencia aumentou no Concello de Zas nun 51%, as case 27.000 horas das que dispoñemos non cobren todas as prestacións aprobadas”.