Audio entrevista en Radio Xallas. A partir do minuto 13 de programa.
O candidato á alcaldía por Compromiso por Santa Comba asegurou en Radio Xallas que esta emisora é “unha ferramenta moi importante para dar a coñecer o noso concello.Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada”, David Barbeira, asegurou que o obxectivo do partido “é poder representar a Santa Comba e estamos preparados para asumir un goberno”.
Pide unión para conseguir un Centro de Día público
Afirmou que o programa electoral de Compromiso “xa o estamos executando” poñendo como exemplo que “estamos pelexando por carencias que temos en servizos sociais” xa que “non se está facendo nada por cousas tan importantes como un Centro de Día”.
A Barbeira dálle a impresión que tanto para o goberno como para a oposición o Centro de Día “parece que non era de primeira necesidade” pero para o seu grupo é algo “necesario e urxente”. O candidato galeguista aclara que piden un centro público con opción a residencia e empraza a goberno e a oposición a que se unan as súas demandas.
Informou que “estamos recorrendo casa por casa” e xa levan sobre 1.500 sinaturas que serán presentadas no concello, e nas que xunto coa reivindicacións dun Centro de Día tamén se reclaman melloras no Centro de Saúde con máquinas para radiografías, un odontólogo a xornada completa, un segundo médico de urxencias ou melloras nas instalacións.
Formación profesional, Fervenza de Castriz e O Cubelo
Entre as iniciativas preferentes de Compromiso, tamén destaca a petición dunha “formación profesional forte”, porque segundo Barbeira “apenas existe futuro para a xente nova”.Lamenta que o goberno non teña “máis comunicación e un trato igual cos veciños” e que na política local haxa “problemas persoais mesturados con política”. Ten claro que “as oposicións teñen que ser limpas e criticar pero aportando» e que o goberno «debería escoitar máis á oposición”.
Na súa intervención en Radio Xallas, David Barbeira, emprazou ao goberno que preside María Pose a que medie coa Xunta para “que non se estropee a Fervenza de Castriz” e engadiu que o seu grupo quere enerxías renovables pero “non a calquera prezo e en calquera sitio”.Acusou á alcaldesa xalleira de “faltar a verdade, sabendo que estaba prometendo algo que non podía cumprir”, en relación a reubicación do transformador do Cubelo e recriminoulle a falta de resposta as peticións do seu partido.
A presión de Compromiso por Santa Comba
Apelou a necesidade de xestionar máis solo no polígono industrial xalleiro, e cualificou de “insuficientes” as medidas adoptadas no Cruce de Santa Catalina e de “incompleto” o servizo de comedor sobre rodas porque “todos comemos os sete días da semana”.
O candidato de Compromiso por Galicia en Santa Comba declarou “sentirse partícipe pola presión que fixemos” de que “se lle puxera a auga aos veciños de San Cristovo”, da mellora da estrada da Torre que “non está como debería de estar” e da actuación levada a cabo polo executivo local na contorna do C.E.I.P. Barrié de la Maza que foi “un traballo ben feito”.
David Barbeira García pediu desde os micrófonos da radio local “unha oportunidade para traer a Santa Comba outra forma de ver a política”.