Con motivo da celebración das festas do Nadal, o Concello da Laracha organiza, como cada ano, o seu programa de actividades específico para estas datas por medio do que se pretenden alcanzar varios obxectivos diferentes e complementarios: fomentar o espírito do Nadal entre a poboación do municipio, ofrecer propostas de ocio -especialmente dirixidas aos nenos para axudar á conciliación das súas familias- e apoiar economicamente tanto ao comercio local como ás asociacións culturais e coros parroquiais por medio dos certames de escaparates e de panxoliñas.
Nesta completa programación municipal inclúense propostas para case todos os días laborables, salientando a presenza dos tradicionais concursos, obradoiros infantís, espectáculos teatrais, sesións de cine e a cabalgata dos Reis Magos.
Onte venres xa se desenvolveu o primeiro evento coa cualificación dos concursos de postais e de contos. A entrega dos premios será o próximo venres a partir das 18:00 horas nun acto público que se celebrará Casa da Cultura.
Os outros certames de Nadal son o concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset” programado para o domingo 30 a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura, e o concurso de escaparates, no que a valoración do xurado será na tarde do xoves día 27 de decembro. Neste último caso o prazo de inscrición remata este martes.
O luns, martes e mércores da próxima semana, a última nos centros de ensino antes das vacacións, celebrarase o festival de teatro infantil en horario lectivo e coa asistencia dos alumnos dos colexios. Nos tres días agárdase a visita de Papá Noel, que ao remate dos espectáculos daralles un agasallo aos nenos.
Despois da boa acollida en pasadas edicións, volveranse realizar obradoiros infantís de cupcakes e galletas de Nadal. Será os días 27 de decembro (alumnos de infantil) e 2 e 3 de xaneiro (alumnos de primaria) na Casa da Cultura da Laracha. As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición, que é gratuíta.
Os espectáculos en directo tamén terán protagonismo na programación, coas seguintes propostas:
– 21 de decembro, 18:00 h, Biblioteca da Laracha. Espectáculo para bebés de 0 a 3 anos de idade: Paxariños de Trinketrinke Teatro.
– 27 de decembro, 17:30 h, Casa da Cultura. Teatro para todos os públicos: O cardume de Xarope Tulú
– Xoves 3 de xaneiro, 12:00 h, Casa da Cultura. Espectáculo infantil: Puño, puñete de Baobab Teatro.
– Xoves 3 de xaneiro, 17:30 h, Centro sociocultural de Paiosaco. Teatro infantil: O soño dos contos de Xoré Teatro.
Tamén están programadas as proxeccións dos seguintes filmes, sempre desde as 17:30 horas:
– 26 de decembro, Casa da Cultura da Laracha: Peter Rabbit.
– 28 de decembro, Centro sociocultural de Paiosaco: El bosque animado.
– 2 de xaneiro, Casa da Cultura: Gru 3: Mi villano favorito.
– 4 de xaneiro, Casa da Cultura: Mi amigo el gigante.
O torneo de baloncesto “José Antonio Vega” alcanza neste ano a oitava edición coa presenza de equipos de categorías de base que chegarán desde diferentes localidades galegas. Desenvolverase o sábado 29 de decembro nos pavillóns polideportivos municipais.
A cabalgata dos Reis Magos pechará as festas do Nadal e tamén o programa de actividades do Concello o sábado 5 de xaneiro. A saída da praza do Concello está prevista para as 16:30 horas. Chegarase a Caión ás 17:30 e realizarase un encontro cos nenos no porto. A seguinte parada, no campo da feira de Paiosaco, estímase que será ás 18:30. Na Laracha, tras facer un percorrido polas rúas da capital municipal, chegarán ao pavillón do IES Agra de Leborís ás 19:30 horas. Nese lugar os nenos están convidados a agardar polas Súas Maxestades os Reis Magos desde as 17:00 participando nunha gran Festa Infantil. Os nenos de 7 a 11 anos de idade que desexen acudir como paxes poden solicitalo no Concello antes do día 3, cando se fará o sorteo.