VIDEO Adiante TV-Abraham Gerpe confirma que hai unha mellora dos prezos das propiedades para os parques froito da negociación coa empresa// Destaca que o estudo encargado estima que os proxecto renovables son viables//
Un estudo realizado por profesores da Universidade de Vigo ve viable e avala a construción dos parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural e a liña de alta tensión prevista. O traballo foi encargado polo alcalde de Coristanco, Abraham Gerpe, que deu a coñecer os resultados:”Os informes din que é sostible a implantación dos parques éolicos”.
Gerpe Muñiz recoñece que optou por esta medida “á vista da preocupación que existía e para tranquilizar á poboación e coñecer a opinión dos expertos”. Tamén debido a “grande desinformación” e a “politización” da plataforma veciñal que se opón aos citados proxectos.En declaracións a Adiante Galicia, asegurou que das 1.120 sinaturas presentadas “non hai nin o 20% de xente empadroada en Coristanco nin o 10% de afectados reais”.
O alcalde de Coristanco entende que os parques eólicos son unha oportunidade “moi favorable” para o concello, polo canon de 300.000 euros anuais que deberá aboar a empresa e polos 1.100 postos de traballo que haberá durante a construción e os 30 durante o mantemento:”Esta xente vai a traballar en Coristanco e estará por aquí, aínda que tamén unha parte será de Coristanco polo que se asentará poboación e será unha boa oportunidade de colocarnos no mapa”.
«Estamos falando de enerxías renovables non dunha mina a ceo aberto»
De tódolos xeitos, o rexedor lembra que o proxecto está en fase de avaliación ambiental na Xunta e de momento non hai solicitude de licenza municipal, porque deberá pasar ese trámite.“Estamos falando de enerxía renovable non de explotar unha mina de ouro a ceo aberto” declarou Gerpe.
Abraham Gerpe valorou positivamente os contactos que mantivo coa empresa que provocou que se subiran os prezos dos terreos.”O prezo que se negociou para o concello aplicouse aos veciños. Houbo unha mellora en todos os tramos, nalgún ata un 40%. Son os mellores prezos de toda Galicia na actualidade”.O alcalde calcula que máis do 50% dos propietarios de parcelas xa asinaron os contratos.