As profesoras-coordinadoras do proxecto Ana Isabel López Novo e Marisol Lorenzo viaxaron a Grecia.
O IES Terra do Xallas participará no proxecto “SOS:Sustain of Souls” xunto con outras cinco entidades de Alemaña, Grecia, Italia, Polonia e Romanía. Trátase dun proxecto de intercambio escolar que se enmarca dentro do programa Erasmus + financiado pola Unión Europea.
Fontes do centro xalleiro informaron que “o propósito xeral do proxecto é analizar a perda de contacto que as xeracións máis novas están a ter coa natureza, co traballo da terra, ca orixe dos alimentos, co xogo ó aire libre e, en definitiva, con todo o que os rodea, incluídas as persoas”.
Realizaranse diferentes actividades, algunhas en colaboración co concello de Santa Comba,nas que o alumnado fará un estudo comparativo entre a relación que a xeración dos avós e avoas tiña coa natureza e a que teñen eles no presente.
“SOS:Sustain of Souls” persegue concienciar ao alumnado da importancia da natureza e mellora a competencia comunicativas, en especial do inglés por ser a lingua común do proxecto. Tamén pretende afondar no significado de Unión Europea.
Presentación en Grecia
As dúas profesoras coordinadoras do proxecto, Ana Isabel López Novo e Marisol Lorenzo, viaxaron a semana pasada á escola 1 EPAL de Tríkala, en Grecia, onde presentaron o IES Terra do Xallas aos cinco socios europeos e sentaron as bases do proxecto. O primeiro encontro de intercambio escolar realizarase en Santa Comba entre o 18 e 22 de febreiro, semana na que o alumnado dos outros países será acollido aquí polas familias do alumnado participante no proxecto.
Erasmus+ é un programa europeo de educación e formación creado pola Unión Europea para favorecer as relacións multilaterais entre estudantes e profesorado dos países membros, para favorecer o desenvolvemento persoal e mellorar as perspectivas laborais mediante a aprendizaxe e experiencias que permiten incrementar as capacidades e habilidades dos participantes. En España a xestión e supervisión dos programas son levadas a cabo polo Servizo Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE).