Visita do Vicepresidente da Xunta a Brasil.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitaron a Sociedade Recreio dos Anciaos, considerada un referente na atención socio sanitaria e asistencia ás persoas de idade avanzada en Río de Janeiro e a súa contorna, sendo unha das institucións máis sólidas e veteranas da cidade.
A residencia foi fundada en 1940 por emigrantes galegos como entidade benéfica sen ánimo de lucro. Ten como finalidade acoller temporal ou permanentemente á anciáns de xeito gratuíto, dando prioridade aos galegos e españois necesitados. Na actualidade é unha das mellor dotadas e máis completas da cidade brasileira, que presta coidados ás cidadás e aos cidadáns galegos sen recursos que residen no país. A súa presidenta Regina Jallas, recibiu a Medalla de Honor da Emigración que lle foi entregada pola Ministra de Emprego e Seguridade Social no ano 2015.
Clausura exposición “ Paisagens da Galicia. Homenagen aos emigrantes”
Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda desprazáronse despois á Casa de España de Rio de Janeiro, onde participaron na clausura da exposición fotográfica “Paisagens da Galicia. Homenagen aos emigrantes”, formada por 30 imaxes de Galicia. A mostra recolle paisaxes das catro provincias galegas e pretende amosar a gran variedade de lugares dos que saíron os emigrantes galegos e achegar á Galicia actual aos que visiten a exposición.
Fonte- Consellería de Presidencia