Cando restan apenas tres semanas para o inicio do curso escolar 2018-2019, o Concello da Laracha está a acometer actuacións de mellora das instalacións dos centros educativos para que estean nas mellores condicións para recibir ao persoal, profesorado e alumnado no comezo da actividade lectiva.
Nestes días estase intervindo no CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco. A actuación máis destacada céntrase xusto no acceso principal ao colexio, un amplo espazo empregado como patio polos alumnos durante o horario lectivo e ao que acceden para manobrar os buses do transporte escolar ao inicio e ao remate de cada xornada. Todo este ámbito está a ser dotado cun novo pavimento, diferenciando cunha tonalidade vermella a área máis próxima ao parque infantil.
O alcalde, José Manuel López Varela, o concelleiro de Obras, Jesús Souto, e a edil delegada da área de Educación, Patricia Bello, acudiron hoxe ás instalacións do centro para interesarse polo desenvolvemento das obras.
Paralelamente estase traballando tamén no acceso exterior desde a rúa A Porta Santa, mellorando tanto a beirarrúa da marxe esquerda como o arcén da estrada na marxe dereita, facilitando deste xeito o tránsito a pé e rodado e, por tanto, reforzando a seguridade viaria.
A outra intervención de certa entidade no colexio de Paiosaco é a mellora do pavimento e do peche perimetral do parque infantil despois de terse substituídos recentemente os xogos.
Todas estas actuacións, ademais doutras menores para a posta a punto das instalacións, realízanse en consenso co equipo directivo do centro e coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Mellora de vías de comunicación en Soandres e Soutullo
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e Manuel López, representante da empresa Construcciones López Cao, asinaron o contrato da obra de mellora das infraestruturas viarias municipais nas parroquias de Soandres e Soutullo.
Esta actuación, que comezará a ser executada nos próximos días, afecta a trece estradas rurais nas que será mellorada a superficie de rodadura para facilitar a circulación dos vehículos e reforzar a seguridade viaria.
Dez dos puntos de intervención están localizados na parroquia de Soandres, sendo concretamente cinco estradas no lugar de Villamir, unha nos núcleos de A Bouza e a Ferradura e as vías A Baiuca-A Orraca, Currelos-AC 523 e Condes-DP 1913. En Soutullo actuarase en outros tres lugares, que son os núcleo de Vilar do Boi e de Novás e a estrada que comunica precisamente Novás co Igrexario desta parroquia.
En total intervirase nunha lonxitude próxima aos cinco quilómetros de distancia lineal. O proxecto está valorado en 170.000 euros.
Fonte- Notas de prensa do concello da Laracha