O secretario local anuncia que presentará un escrito esta mesma semana na Deputación e critica ao goberno local. Vídeo coas declaracións.
O accidente rexistrado este luns no cruce de Santa Catalina parece que foi a gota que colmou o vaso para David Barbeira que despois dunha primeira advertencia, hoxe aseguraba que nestes días presentarán un escrito na Deputación e “se en quince días ou tres semanas non recibimos contestación manifestarémonos”.
“Se a Deputación non fai nada haberá que falar cos veciños e coas veciñas e haberá que ir a onde haxa que ir para que nos escoiten. Non valen escusas” manifestou Barbeira que insistiu no seu compromiso de “tentar mobilizar” aos veciños do concello.
“O goberno local non se está facendo absolutamente nada»
O secretario local de Compromiso por Galicia en Santa Comba foi moi crítico co goberno local:”“Xa van tres accidentes en seis meses e desde o goberno local non se está facendo absolutamente nada.Se o goberno non fai nada teremos que ser nós os que velemos pola nosa seguridade”.
Barbeira asegura que o concello de Santa Comba “está abandonado en tódolos sentidos” e nunha situación de parálise que “non podemos permitirnos máis tempo”.